31/3/16

AGARDANDO A XELÍS DE TORO

Mañá recibiremos na nosa biblioteca a visita do escritor Xelís de Toro. Esta semana traballamos moito sobre o seu libro O trompetista e a lúa. Aprendemos moitas cousas e seguro que o autor nos vai sorprender coa súa charla. Como agasallo preparamos entre tod@s un bonito mural. Agardamos que lle guste!!

17/3/16

KOALA, CANGREXO DE RÍO E MEDUSA

Hoxe rematou o programa de conferencias a cargo dos expertos e expertas de terceiro de primaria. O cangrexo de río, o koala e a medusa foron os temas das exposicións de Kevin, Sergio e Lucía. Os meus PARABÉNS para eles e para o resto de nenos e nenas polo excelente traballo que fixeron ao longo destes días, tanto no seu papel de expert@s como de público respectuoso e implicado na hora de formular preguntas e de facer comentarios atinados e construtivos. Grazas, tamén, ás familias pola súa imprescindible colaboración nesta actividade.

16/3/16

A BOLBORETA

A experta de hoxe, Eva, escolleu a bolboreta como protagonista da súa conferencia. Este vistoso insecto, moi coñecido por tod@s, agora aínda nos gusta máis. Eva explicounos moi ben as fases da metamorfose e mostrounos as imaxes para entendelo mellor. Como é habitual, tamén resolveu as dúbidas dos seus compañeir@s. PARABÉNS!!!

ESLIZÓN IBÉRICO

O noso experto de hoxe, Enzo, fixo a súa conferencia sobre o eslizón ibérico, un réptil que podemos atopar nas Illas Cíes. Gustounos moito este animaliño e resultounos moi sorprendente, sobre todo a súa reprodución. Ademáis das explicacións, despois de responder as preguntas dos compañeir@s, Enzo mostrounos fotos e un vídeo moi interesante. PARABÉNS!!!

15/3/16

LETRAS GALEGAS 2016: Manuel María

Manuel María é o autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. É autor dunha chea de libros, utilizando todos os xéneros literarios: poesía, narrativa, teatro... sendo un dos poetas galegos máis musicados de todos os tempos. Se queres saber máis cousas deste escritor atrévete coas divertidas actividades que nos chegan desde o Seminario Galán:

14/3/16

A LONTRA

O noso experto de hoxe, Alejandro Santomé, fixo a súa conferencia sobre a lontra, un mamífero que nos resultou moi interesante. Para completar a súa exposición, mostrounos fotografías e un vídeo que nos encantou. PARABÉNS!!!

ANIVERSARIO DE RAMSÉS

Hoxe, para celebrar o seu noveno cumpreanos, o noso compañeiro Ramsés agasallounos cunha espactacular torta de lambetadas. Estaban riquísimas!!! GRAZAS, RAMSÉS!!!

11/3/16

OURIZO CACHO

Claudia, a nosa experta de hoxe, ofreceunos unha fantástica conferencia sobre o ourizo cacho. Este pequeno mamífero resultou ser un animal moi interesante. Grazas á exposición de Claudia puidemos coñecer moitos aspectos da súa vida e costumes. Tamén vimos moitas fotos coas que apreciamos detalles moi curiosos, incluso descubrimos que existen ourizos albinos!! Despois de responder ás preguntas que lle fixeron os compañeir@s, contounos como elaborou, coa axuda da súa nai, unha orixinal manualidade: un ouriciño moi simpático feito con barro e pipas de xirasol. PARABÉNS!!!

10/3/16

GOLFIÑO COMÚN

A nosa experta de hoxe, Fabiola, ofreceunos unha estupenda conferencia sobre o golfiño común, un animal que agora aínda nos parece máis simpático e atractivo. Coa súa exposición coñecemos moitos datos interesantes e vimos, no vídeo que nos trouxo, unha morea de tipos de golfiños. Gustounos moito!!! PARABÉNS!!!

9/3/16

CABALIÑO DE MAR

O martes tivemos outra fantástica conferencia! A nosa experta, María Rodríguez, fixo unha completa exposición sobre o cabaliño de mar na que nos contou cousas asombrosas deste curioso animal. Vimos moitas fotos e un vídeo moi interesante da reprodución deste peixe. Encantounos!! Tamén nos trouxo unha bonita manualidade e un saboroso agasallo coa forma do cabaliño para que nos quedara un regusto ben doce do seu traballo. Despois de contestar as preguntas dos compañeir@s mostrounos unha morea de exemplares de cabaliños desecados de varios tamaños. Moitas grazas e PARABÉNS!!!

CAMIÑO DA LINGUA

O martes, 8 de marzo, no marco do PDI sobre Vigo, a proposta do ENDLG do noso centro, os alumnos e alumnas de 3º de Primaria gozaron do obradoiro Camiño da Lingua, que incluía probas lingüísticas, culturais, adiviñas, trabalinguas e xogos didácticos, o que resultou moi moi acaído ao noso proxecto xa que se xunguían coñecementos sobre a nosa lingua e sobre a nosa cidade. A unidade lúdica é o xogo da oca tematizado co personaxe de Buxo e cos lugares emblemáticos de Vigo. Un taboleiro, un dado xigante, dous equipos e moitas ganas de divertirse foron os ingredientes desta fantástica actividade. Pasámolo xenial!!!!

8/3/16

GAIVOTA COCIÑEIRA

A nosa experta, Julia Estefanía, falounos na súa conferencia sobre a gaivota cociñeira. Aínda que non acostuma vivir nas nosas zonas costeiras, resultou un animal moi interesante. PARABÉNS!!!

4/3/16

O LAGARTO ARNAL

O lagarto arnal foi o tema da conferencia de hoxe. A nosa experta, Zaira, fixo unha fantástica exposición coa que aprendemos moitas cousas interesantes sobre este réptil. Como sempre, despois de ver as fotos e os vídeos, respondeu as preguntas que lle formularon os compañeir@s. Para rematar, tróuxonos unhas riquísimas e artísticas galletas que elaborou coa axuda da súa familia. Tamén comemos gominolas con forma de lagarto!! Moitas grazas e PARABÉNS!!!

RATOEIRO COMÚN

Como nos gustou o ratoeiro común!! Hugo explicou na súa conferencia cousas interesantísimas sobre esta ave rapaz. Aprendemos como é, como caza, onde vive... Tamén nos trouxo imaxes moi chulas e un vídeo. Ao rematar contestou unha morea de preguntas. PARABÉNS!!!

CANGURO VERMELLO

Birhanu escolleu para a súa conferencia un animal moi exótico e simpático: o canguro vermello. Na súa exposición achegounos moitos datos sorprendentes. Tamén nos mostrou vídeos e fotos. Para finalizar aclarou as dúbidas dos seus compañeir@s. PARABÉNS!!!

3/3/16

O RODABALLO

Os nosos expert@s sorpréndennos cada día cos animais tan interesantes que escollen para as súas conferencias. Desta vez foi o rodaballo o protagonista da exposición de Naim. Aprendemos moitas cousas curiosas sobre este peixe grazas ás explicacións e as fotos do experto de hoxe. PARABÉNS!!!!

2/3/16

O POLBO

Alejandro Mera escolleu para a súa conferencia un incrible e curioso animal, O POLBO. Como sempre, despois da súa exposición respondeu ás preguntas dos seus compañeir@s. Tamén nos trouxo un mural con fotografías e moita información. PARABÉNS!!